Es mostren els missatges amb l'etiqueta de comentaris pallas mentais. Mostrar tots els missatges
Es mostren els missatges amb l'etiqueta de comentaris pallas mentais. Mostrar tots els missatges

17/7/11

bicos equivocados

parada d@s peregrin@s-devot@s à mostra de teatro de Cee, LEANDRO

 Nas miñas buscas obsesivas de mundos paralelos apareceu Leandro un día e derrocou o absolutismo de Remedios Varo no meu maxín.
Penso que podería escribir algo sobre calquera dos seus cadros, ou  un poemario enteiro sobre algún deles.
Paso e repaso os seus lenzos e atopo a vida enteira neles, teño unha sensación semellante á que me provocan Olga Novo, Mofa e Befa ou Carmen Blanco, unha invasión de beleza e compromiso, unha identificación total e a sensación agradable de sentirme pequeniña e aprendiz para sempre.
Por eso lle pedín un cadro para ilustrar esta entrada, ó tempo que me decataba de que podería telo feito antes para a maior parte do que levo escrito. Graciñas, Leandro.
Por se non coñecedes as pinturas deste home, lígovos a porta de entrada ó seu universo: 



Ás veces damos bicos equivocados. Pola súa esencia accidental poden significar moitas cousas. Ás veces é só unha cuestión ergonómica, das estaturas dos bicantes ou da forma da cara. Pero normalmente teñen un significado auténtico e profundo, de cotío inconfesable.

Ás veces é tanto o afecto que se quere demostrar inconscientemente, que a formalidade do desprazamento lateralizado das cabezas non abonda, descontrolamos a posición dos nosos beizos e imos pousalos alí donde a cultura europea só establece un matematicamente unívoco significado sexual; soe ser unha circustancia incómoda para ambos, aínda máis se xente malpensante parasita darredor... pero nunca queda como un mal recordo. 

Tamén sei de bicos equivocados dobremente, nos que non só se equivoca a posición senón tamén o receptor/a. Se vos sucedeu algo así nalgún momento, facei memoria: o receptor real non andaba lonxe, poida que xa o tiverades bicado lateralmente xusto antes ou que fora o seguinte nunha rolda de saúdos formais; estes bicos dobremente equivocados teñen tódolos defectos: poida que o receptor físico non os merecera, poida que a incomodidade preveña ó noso cerebro de repetilos na rolda, poida que fora observado por terceiros ou polo receptor real.


Algunhes bicos equivocados danse en ex-parellas, pero estes bicos non merecen interese, probablemente sexan fruto da inercia da costume, a mesma monotonía na demostración física de afectos que acabou por separalos, e só lles dará incomodidade e a consciencia de que fixeron ben.

E hai bicos equivocados que non o son en absoluto ou non o son completamente. Ás veces pertencen a futuros amantes, retraídos ámbolos dous, que precisan comenza-la súa historia con urxencia irresoluble (e non pensedes que acontece só a adolescentes inexpertos). Ás veces son o único xeito de conseguir unha pausa nas circunstancias individuais que afastan sen remedio ós participantes, coma un cruce de camiños non necesariamente perpendiculares a noventa graos (esto quere dicir que nin os protagonistas están certos da casualidade ou a inconsciencia que se lle supón ó equívoco... porque igual xa levaban moito tempo pensándose). Este último bico descrito entristece moito nos días posteriores, pero convértese nun recordo marabilloso e nunha fabulación de camiños felices que nunca foron, desas que gardamos para evadirnos nos tempos difíciles. 


Entradas relacionadas:  
Apertas varias

3/5/11

Do que fai ben




Estou case certa de que algunhes individuos teñen unha vida diaria oculta. Compartimos con eles o traballo, algunha afición ou vémolos atravesa-la estrada os domingos para ir á misa. Eu penso que hai algunha xente que, cando non a vemos, abre unha portiña nunha columna e atravésaa cara un universo paralelo, ou que, cando nos damos a volta se transforma nunha avelaíña e sae voando. Tamén hai xente que non vemos nunca de costas porque se viraran habiámoslles descubrir un circuíto integrado no lombo e unha chea de cables saíndolles do cu (ou o pau dunha escoba)... pero esa xente a min non me interesa.

O outro día decateime de que Víctor Mosqueira non é de verdade, quero dicir, non é exactamente humano. Eu coido que vive no curuto dun carballo e que durme de pé. Poida que sexa un trasgo, aínda que eu penso que é máis ben un home-gato, pero desas cousas non sei moito. Probablemente, dentro do carballo ten fendidas unha chea de estanterías nas que xa non caben máis libros vellos, deses que cando os abres saen personaxes coloridos de tempos que nunca foron a contarche contos de tempos que han de vir. Cando está ben o mar, o Vítor sae á noitiña nunha barca vella de madeira e volve todo cheo de area e con sardiñas para a cea, que ata nun feixe con cordón de esparto para agatuñar polo carballo arriba.

Hombre-Gato, Remedios Varo

Evaristo Calvo entra á súa casa polos espellos dos cuartos de baño. Se un día vas tomar unha copa con el e desaparece, non te preocupes, marchou pola súa porta segreda. O Evaristo, pola casa, anda cunhas zocas vermellas e enormes que lle obrigan a dar zancadas, por eso ten un corredor longuísimo, que atravesa mentres pensa en voz alta. O Evaristo ten que vivir así porque se vivira nunha comunidade de veciños, os xordos habían chamar á policía polo tremer da súa voz e os que saben oír habían andar por aí facendo as revolucións que lle escoitaron de madrugada. O Evaristo ten unha caixa redonda e azul donde vai metendo as cousas que o indignan nunha especie de lama moi húmida.  Cando hai que "parir" unha obra nova, saca cachiños desa lama e déixaa secar ó sol un pouco (porque no espello do Evaristo sempre hai moita luz do sol), logo amasa nela ata que case non se recoñecen as indignidades, amasa e amasa e fai figuriñas redondiñas e pequenas que leva na gorxa cando sae ó mundo polos espellos.
 O Capitán de Evaristo Calvo en Commedia: un xoguete para Goldoni
adaptada por Cándido Pazó e adoptada por Ollomoltranvía

Hai unhes días que me deu por estar contenta e por rir sen motivo... tomei conciencia onte cando viñamos no coche para Pontevedra e me dixo o Jairo: "bebiches?". Parece, en efecto, que estou bébeda. O Vítor anda con moito ollo de sacudirse ben da pel a area máxica que o cobre mentres está no seu carballo. Pero o outro día esquencéuselle cambia-los zapatos e poñe-los que ten de andar polo mundo. Cando iamos entrar díxenlle a Abel que collera sitio na "zona de babas" (centro de calquera das primeiras filas) e só quedaba para os catro na primeira, e o escenario estaba moi preto e moi alto. Cando Mofa e Befa empezaron a dar golpes de tacón dun lado ó outro do escenario, saltoume unha area ó ollo. Notei unha molestia no lacrimal e bebín un grolo de cervexa (que é coma quen lle pica a cabeza e rasca o cu), supoño que me anestesiou. Se choras de risa, a area non sae, así que vou estar coa areíña aí metida ata que chore de tristura; tendo en conta a miña pouca tendencia e a miña pouca intención, coido que ha estar ben tempo... ogallá sexa o tempo necesario como para volver atopalos e volver te-la sorte de que me salpiquen outra vez.


Na primavera irascible, Mofa e Befa son para min coma unha inxección fresca do outono. Paso calor mentres me escarallo de risa na butaca e analizo cada movemento e cada palabra deles por enésima vez... pero logo quedo fresquiña e esperta coma se fora novembro. Esta primavera quixéronme visitar vellos fantasmas. De feito, a pouco máis e marcho de Pontevea sen saudar (sorte que o Jairo tiña fame e volvemos para a carpa), porque os fantasmas puñeteros non me deixan facer o que me pide o corpo. Estes días o cristal de area do Vítor tápame a vista cara eles e parece coma se xa non estiveran.  Igual marcharon, pero se lles dera por volver, seguro que me ría deles, porque, xa vos dixen, estes días río de todo e ata do que non hai.



Todo o inverno, Evaristo véuseme moito á cabeza. A culpa foi da "Memòria dels Cargols", unha serie que Dagoll Dagom fixo hai anos para a TV3 que vín pola rede para estudiar catalán. Alí descubrín a Carles Martínez, o doble catalán do Evaristo. Coa pronuncia do Carles Martínez era capaz de distinguir un "C" dun "Ç", así que transcribín tódolos seus diálogos nos Cargols para mellora-la escoita. Agora lévome para Catalunya unha lista de obras do Carles que estarán en cartel cando chegue porque, como o Evaristo, o Carles é "teatralmente promiscuo", é dicir, deses que adoitan triplica-la calidade das obras que fan, o que fai que o busquen como garantía de éxito. E foi tamén por culpa desa semellanza no uso da voz, pola que dei en barallar na cabeza coa idea dos Cargols galegos (coas miñas pallas mentais fago o que me dá a gana, evidentemente, aínda que os tempos políticos non estean para lerias coa Historia).



Gústame moito esa xente que me excita a imaxinación, e aínda máis esa que monta pontes de bimbio doce dunhes temas a outros coma se todo estivese vencellado, coma se todo fose parte dun un; tamén me gusta rir con trasfondo (a ironía, a retranca, o escarnio). Se as tres cousas veñen xuntas pasa o que pasa, que unha semana de máis no Eixo Atlántico é un regalo, que me decato e que o aproveito. Contai as veces que rides esta semana,  se coidades que son insuficientes en calidade ou en cantidade... Mofa e Befa.


Para @s alumn@s do Paz Andrade (xa sabedes, o 5 de novembro en Padrón):



31/3/10

a neurona Heathcliff

portada de Rubén Toledo para Penguin Books

O meu optimismo habitual ás veces ofende, a miña confianza no xénero humano asustaría ó mesmísimo Rousseau. Pero de cando en vez, cada dous ou tres anos, unha neurona misántropa espértaseme, coma un oso que hibernou ata marzo e se ergue con fame e celo (ía poñer "ganas de foder" insinuando a súa acepción non sexual pero... vaia, ho, xa se me escapou, perdoa Curra).

Eu normalmente non me calo nada. Normalmente vaime ben así. E normalmente, aínda que quixera, non podería controlalo. Pero no estado anormal no que me atopo desde hai xa demasiados días teño que calar. Habitualmente digo o que penso sen pensar o que digo, porque cando falo con calquera, o meu único pensamento constante é que do outro lado hai unha persoa igual a min: a mellor mostra de respecto é a sinceridade absoluta. A miña inconsciencia, desconcentración ou lentitude de reflexos, protéxeme enormemente porque cando observo algunha inxustiza a miña lingua bótase a pacer como unha ovella recén parida... así que, ó decatarme tarde... Marica non chores, e xa pasou. As veces que me decato no momento, a miña ira descontrolada pero benintencionada, pode agredir nunhes minutos, pero acostuma a non facer mal irreparable. Así que estou contenta das aparicións en escea da miña cólera bempensante e constructiva.

O problema é cando a miña neurona misántropa esperta. Entonces estou máis silenciosa que de costume. Calo e gardo a carraxe contra o xénero humano nun saqueto mal zurcido. Como non me vexo con dereito a queixarme, por me sentir xuíz e parte, calo. As miñas cellas xúntanse perigosamente e renace un rego que teño no entrecello desde hai case dez anos. Eu chámolle a enruga do Corto-Conto, porque naceu no último festival que organicei, e téñolle moito cariño porque me lembra a dónde non quero volver (pregúntome se o botox que desfigura as faces dos actores lles desfigurará tamén a memoria... probablemente non, a pesar do que poida parecer no resultado inexpresivo e bobalicón que se observa).

Nestes momentos de hiperconsciencia, poño as gafas, boto os pelos para adiante e procuro non mirar ós ollos máis que o inevitable. Sei que ofendería moito a miña mirada. Procuro que o meu cerebro se vaia na bicicleta de Dalí buscar laranxas, pero ese camiño anestésico non sirve estes días e parece que só me consola un pouco unha vella imaxe reconstruída do Jairo segando e eu rozando antes de toma-lo vermú con meus pais e un longuísimo café de contos e risas coa Mónica (a felicidade é cousa sinxela, non sei por qué lle damos tantas voltas).

Nestes tempos breves (espero) a pesares de que a carraxe me quenta continuamente o estómago, sinto un frío horrible nos ósos. É como se toda a miña natureza mudase, esa misantropía noxenta e anoxada apodérase non só da miña cabeza senón tamén do meu corpo todo... ata tal punto é así que onte pola noite vinme buscando un xersei no armario (o último xersei que tiven deillo a miña mai xa hai anos).

Non soporto a mentira. E os ocultamentos para min son un tipo de mentira máis. Non soporto a mentira allea, pero a que máis me molesta é a miña propia. Non sei se é un trauma infantil, ou unha invasión de estupidez cerebral, pero ocultar ou mentir baixo consciencia, desconfianza ou medo, provócame a sensación de que se me revolven as células. Cando me vexo enganada ou, aínda peor, cando me vexo obrigada a calar (que era eso que non lle entendía de pequena ó cura: "omisión") sinto como murchan as miñas células como esas poucas xentes que morren de acabamento sen ter sentido a vida en ningún momento. Sei que o teño que facer, porque ás veces hai cousas inevitables ou tan alleas que só acoitelan de esguello e nas que co tempo aprendemos que non debemos interferir.

É incrible, nestes días misántropos, cánta infelicidade autoinducida son capaz de ver, cántas maquinacións esperpéticas e folletinescas que asombrarían á Brönte observo na punta do iceberg das palabras alleas. Por eso estes días escollín, de entre as miñas relecturas (Alfonso enfadaríase co seu cálculo de grandes obras e días por vivir), un Heathcliff cruel e atravesado. Se noutrora puiden entende-lo seu comportamento, poida que hoxe tamén o consiga e o distanciamento provoque que a miña neurona misántropa volva durmir outros poucos anos.

Nestas circunstancias só me queda illarme na medida do posible, ler moito e cear pouco para que o estómago non lle negue ó cansancio o dereito a anula-los ataques inútiles dos remordementos nocturnos e a carraxe. Agárrome como podo ó señor Puig, ó lume da cociña de meus pais e a un cocemento de herbas de hipérico que, por sorte, xa esquecera cómo preparar.

20/12/09

Wittgenstein


Me contaron que estabas enamorada de otro

y entonces me fui a mi cuarto
y escribí ese artículo contra el Gobierno
por el que estoy preso.
Epigramas, Ernesto Cardenal

Igual que Cardenal, cabréome por X, escribo sobre Y... e probablemente me prendan por eso


Xa levo unhes días que me da voltas pola cabeza este home. Repasei algunhes datos sobre a súa obra e algunhes outros sobre Russell e algunhas teorías máis da linguaxe.


A nosa cabeza garda traslumbres dos coñecementos adquiridos ó longo dos anos e non empregados a diario de dous xeitos: o modo inconsciente e a caricatura.

No modo inconsciente, estamos empregando eses coñecementos sen decatarnos e, problablemente, naqueles aspectos da vida nos que non esperabamos facelo. Eu decátome, moi de vez en cando, de que nas conversas e na docencia me afecta Wittgenstein, en moitos casos o meu cerebro preocúpase máis de cómo digo algo para que se entenda ben que dese algo que digo. Nos meus tempos na vida pública cheguei a sentirme traidora a pesares de non mentir nunca, sabía que a maior parte dos meus interlocutores acaban sucumbindo ás miñas verbas porque carecían deses coñecentos sobre a linguaxe cos que eu manipulaba as conversas. Cando deixei a política, unha das miñas "autopromesas" foi a de nunca volver empregar aquelas artes para o meu propio beneficio e, na actualidade, prácticamente só as emprego na resolución de conflictos alleos e, sempre que poido, coas cartas á vista.

No modo caricaturesco, gardamos eses coñecementos como unha lembranza infantil, como un debuxo bidimensional de cores planas e básicas, como unha palabra no noso índice mental. Sabemos que un día, fai tempo, aprendemos aquelo, resúltanos familiar, sabemos que non puido desaparecer completamente do noso cerebro e, nese anceio de recuperalo, tratamos de recompoñer os camiños que nos leven a lembralo, coma un cubo de rubik de neuronas estúpidas. Sobra dicir que a maior parte de nós fracasamos no intento. No meu caso, gustaríame saber por qué non gardo as reflexións de Wittgenstein nese primeiro caixón donde me atopo cada dous por tres co rosario en latín ou cos usos das luces de néboa ("niebla densa, lluvia intensa, nubes de humo y polvo, copiosa nevada").

Na miña teima rosseauniana e inxenua (recoñézoo, pero non me importa que ós demais lles desagrade) de que hai moitos malos actos pero poucas malas persoas e unha inxente cantidade de ignorancias e infelicidades autoinducidas, imaxínome a resolución dun conflicto sen victimismos nin esmolas vitais, sen concepcións preconcebidas do "outro", sen posicionamentos iniciais, sen fins esquilmando medios...e conclúo, SEI SEMPRE, con maiúsculas, que ese conflicto, sexa cal sexa, se resolvería.

Logo a min chamaránme inxenua, incluso infantil, e haberá quen afirme que son "boa persoa" só por eso (como algo negativo, preocupante e penoso) e oirei "camisas de once varas", "avogada de causas perdidas", "en tódolos saraos" e outras tantas frases refraneiras e simplistas coas que se desprecian os actos alleos ocultando a covardía propia. O que me gustaría saber é se xulgarían do mesmo xeito a Wittgenstein ou a Russell (igual si, porque non dirixen ningún equipo de fútbol).

Na maior parte dos conflictos cos que me atopo, eu non teño nada que perder. Por eso non son violenta e digo o que penso sen pensar o que digo e, aínda que procuro non ofender, ás veces ofendo (pero na maior parte dos casos, quen se sinte ofendido pola miña sinceridade, non me supón respecto). E tamén por eso, porque non teño nada que perder, me resulta triste que me chamen inxenua, ou inexperta ou que aludan a unha certa ignorancia miña de sabe dios qué cuestión para escuda-la súa ausencia de argumentos cos que rebaterme ou para evitar poñer sobre a mesa a verdadeira motivación do conflicto. Se queredes saber cal é o meu punto de vista sobre esta xente, lembrádevos de "libertaria".

Ante esa casca eu non podo facer nada. Calar e, a poder ser non escoitar, para seguir gárdandolle respecto a quen me vén con falacias... normalmente non o consigo, pero sérveme para rañar nos debuxos planos da miña memoria unha lembranza sobre Wittgenstein e subila ó primeiro caixón das miñas neuronas. Ó final vou empezar a sentirme parte beneficiaria do conflicto por algo máis que pola roupa salpicada de zurro que metín onte na lavadora.

10/9/09

teño unha sorpresa




Agora xa non digo "teño unha sorpresa" cando me atopo con alguén que supostamente me coñece ou que supostamente se alegraría de que eu cumprira o único soño material que tiña desde nena. Non o fago porque a sorpresa á que apuntan todos non é a sorpresa que eu quixera levar. Son esas pequenas cousas que me demostran que a miña intimidade está a bo recaudo ("intimidade": moitos saben moito de ti, pero poucos te coñecen un pouco). Vamos, que agora digo "teño unha moto" e evito decepcións nas miñas expectativas e nas dos demais. Fun consciente de que sempre se decepcionan expectivas o día que alguén moi próximo me insinuou que formarme despois do bacharelato era un xeito de vaguear e evita-lo traballo.




Cando estabamos na Facultade gustábanos pedir un café a soas nun bar e abri-lo caderno para escribir (ou apuntar nunha servilleta, mesmamente).

Daquela, creo, sentiamos a necesidade, nunca expresa por suposto (eramos "parias de la tierra"), de amosa-lo noso virtuoso don do discurso e a palabra a todas horas e en calquera oportunidade, en particular entre a vulgar plebe (repito, nunca recoñecido expresamente) á que pretendiamos dirixirnos a modo de bard@s.

Agora decátome de como, cos anos, sometín a miña verba ó decoro do diálogo empático. Agora penso que aquela pose sibarita e pouco menos que pedante non era máis que unha careta do complexo de inadaptación social, dunha segreda vergoña de ser diferentes.

É agora cando me dou conta de que non necesito disfrazarme do que son (e moito menos do que non son) e disimulo neste bar cun libro aberto coma unha estudiante máis das academias que proliferan nesta avenida.

Probablemente este sexa o momento perfecto. A quén lle importa se cos meus trinta anos prefiro mercar unha motocicleta que un carricoche, se emprego os motores dos que vivo como escusa poética para non renunciar a ningún espello de min, se prefiro a danza impúdica con saias curtísimas a unha hipoteca de seguridades impostas, se prefiro sachar hortas alleas a inaugurar balados propios como mexadas territoriais de cans.

Hoxe é o momento perfecto. O de non ensinar a ninguén máis que polo xusto xornal, de non ser máis nin menos nin diferente nin igual, de acompañar libremente ó meu compañeiro libre, así queira ficar ou marchar. Quén me vai dicir, quén me vai soprar... nada máis que un aire ceibe que me torne da calor que xa non me pode abafar (♫).

Agora que ningún momento é lene nin desprezable, que cada minuto é un fin en si mesmo, unha conversa cun veciño de viño e feira igual que unha conferencia de Peter Brook, unha canción comercial nun pub cos ollos da Mónica do outro lado do vidro igual que a melodía máis absoluta de Mahler, unha loita coas curvas do Cebreiro igual que unha escalada a Notre Dame.

21/12/08

...no debieras tratar de volver

Non sei cómo cheguei ata aquí.
O primeiro que recordo foi a Álex Sampayo, pero supoño que algo antes me levou ata el. Poida que, ó ser tan cedo, se dispuxeran en rea os mecanismos inconscientes da miña caixa forte. Pode que fora consecuencia da semana que pasei en Compostela facendo plans de reencontros varios, ou a voz familiar e aloumiñante de Ricardo do outro lado do teléfono, ou as fantasmas que se me atravesaban na rúa mollada do Atlántico á beira do Jandro indiano máis apresurado do mundo, ou poida que fora Marcial, o conserxe do meu novo instituto, cargado de arte por compartir, que cada día me aguilloa cunha nova inquedanza dun tempo meu que xa non é pero que el me devolve.

O caso é que Sampayo (xa vos digo que non lembro nada antes) me levou a Marcos e Marcos a unha páxina na rede chea de nomes e caras arremuiñándose en recordos dóces e inconexos.
Din que o roce fai o cariño, pero o tempo e a distancia narcotizan os antigos encontros, alivian as antigas frustracións e tornan lenes tódolos rencores. Desto falo sempre cando alguén me pregunta por Pepe Blanco. E este é o único sentimento afín a tódalas miñas lembranzas. Un "qué máis da, se xa pasou" (..."agora xa foi, Marica non chores").
E foi bonito todo aquelo... que non quixera revivir nunca. Non sei cómo fixen o que fixen daquela. Agora seméllame tan alleo, tan borroso, como se non o tivese vivido eu mesma. E, ó tempo, tan nítido e tan íntimo, como se me tivese marcado para sempre. En todo caso, estivo ben.
Probablemente, esa neblina que rodea aquel tempo é a que esta mañá, mentres todos durmen, empurra a miña busca de antigas sensacións.

Parei nos Magical Brothers. Nun vidro escachado de susto no Clavi e a sensación pegañenta do gintonic verquido nos xeonllos. Os meus xeonllos teñen vida propia en según qué circunstancias.
Todos aqueles cruces de camiños, aquelas conversas de química forestal involuntaria, aquelas personaxes paralelas que eu creaba nos regresos baleiros de Compostela quedan aí, gardadas na caixa forte dun recanto do cerebro por non seren escritos (ou non seren ben escritos), para días coma este, no que a néboa e a xeada as aclaran á vista e as quentan, en contra de todo prognóstico meteorolóxico.
É curioso como o tempo e a distancia agudizan os sentidos secundarios e a xente que pasou se volve olfato, tacto e gusto. Neste intre lembro o cheiro a fritanga dun bar no que quedamos a Mónica, Jorge, Luís e eu; o tacto pegañento aquel da tónica e a xenebra na mesa de mármore do Clavi (consecuencia dun deses meus infrecuentes e incómodos arrebatos de timidez); o sabor a humidade do alfanjor arxentino do Chimichurri pedíndome escapar de Juanma a Corme.
Non teño ningunha excusa para o reencontro. Por sorte con algunhes non me fai falta, por eso quixen empezar por Ricardo, el sempre me fai sentir ben. Fai uns anos, intentei esto mesmo e foi un fracaso incómodo. E cando a única motivación é intentar algo, ínzame o corpo unha extraña perguiza, neste caso, acompañada da voz de Alberto cantándome a Sabina: "al lugar donde has sido feliz no debieras tratar de volver", que de paso trae a colación (nunca me gustou esa palabra) un poema de Félix Grande que vou traducir, por ver se me aclara algo mentres o destripo.
Teño seis meses por diante e sesenta quilómetros, sempre tempo e espacio, para decidir se facerlle caso a Alberto ou arriscarme coma sempre.

Para non variar, acto seguido desta palla mental, apareceu o Jandro coa Casualidade da man a modo de páxina: flocos.TV, recoméndovola. A min fáltanme algunhes títulos aínda pero espero que vaian chegando. Mentres, aí vos deixo O Matachín:



ou tamén...

MOFA E BEFA FOREVER!!!

18/5/08

respostas varias

Estou preparando a traducción dun fragmento do Zen e a Arte do Mantemento da Motocicleta no tempo que agardo a que o Jairo saia das sesións de rehabilitación. O fragmento fala de certos aspectos ético-filosóficos nos talleres.
Todo esto vén a conto porque nos últimos días parece que todo o mundo me fai a mesma pregunta, sempre desde unha posición diferente pero sempre a mesma, sexan vell@s coñecid@s da miña etapa humanística, sexan nov@s coñecid@s do instituto (-tuto)... @s que xa nunca se fan esa pregunta ó respecto da miña traxectoria son @s que me coñeceron antes de ser maior de idade, cando eu era potencia de todo o que logo fun e que viron en min unha convivencia pacífica da arte e a ciencia... Agora que trato de retomar aquela convivencia... podo dicir que é de todo menos pacífica. Martín tiña razón cando me dixo que ía levar moitas hostias cando caera no "mundo real", e non hai día que non lembre aquela conversa. A estas alturas xa son dabondo consciente de que non me teño que xustificar, pero si que hai xente que merece resposta, porque apareceron despois da hecatombe do 94 e porque lles teño aprecio e sei do seu hacia min.

Antes de dar respostas, ou intentalo, vou facer unha análise impersoal e xeralista dos motivos polos que eu coido que me fixeron esas preguntas, sempre referíndome á xente que merece resposta polo afecto e o respecto desde o que me consta que surxiron:

Creo que @s feministas me ven como unha punta de lanza, como un experimento, e queren saber se non perdín os meus ideais e ata qué punto a loita diaria está afectando á miña autoestima. A resposta é sinxela. Se fracaso non ha ser por ser muller, porque entre o profesorado de mecánica non existen (ou alomenos non se demostran) os prexuízos que vivín no taller. Boa mostra desto é a miña compañeira, respectada e admirada por alumnos e compañeiros actuais e antigos, completamente integrada desde xa fai anos (antes de que ó ZP se lle ocorrese impoñer a paridade)... e non tivo que disfrazarse de machorro, nin cambiar o seu discurso, nin facer esforzos sobrehumanos para facerse respectar. É boa no seu traballo e punto.

Creo que @s profesores de mecánica se preguntan se estou no lugar axeitado, axeitado para min persoalmente, non por ser muller, senón por ter unha traxectoria persoal particular, refírome en concreto ó meu pasado humanista. Aquí observo dúas cuestións fundamentais: por unha banda a dicotomía permanente da arte e a ciencia e, por outra banda, o habitual complexo das titulacións superiores. Á primeira cuestión hei de respostar que os motores me abren unha porta inmensa á creación literaria, e que no taller atopo debates ético-filosóficos inxentes a diario, xa sen nomear os meus proxectos de traducción dun libro de filosofía e mecánica e unha historia de JJCobas. Esta primeira resposta serve en parte para a segunda cuestión. Probablemente pensen que o meu talento sería mellor aproveitado noutras materias, que ademais se supoñen mellor consideradas socialmente, como a historia ou a literatura (a filosofía non conta, porque non está ben considerada: molesta) e para as que tamén me supoñen mellor formada. Pero eu penso que, desde donde estou hoxe, disfruto máis de todo (escribir e pensar) e podo aportar máis á mecánica e ás humanidades (traducir e historiar) aparte de cubrir a miña necesidade constante de sentirme aprendiz, e evitar emocionarme cada minuto ou involucrarme persoalmente con cada un dos meus alumnos (o cal resulta agotador en extremo para todos e non favorece a ninguén). Quizais, quen me vexa fóra de lugar, debería botar contas da miña inexperiencia asemade doutras circustancias personais que teñen pouco que ver cos estudios que me preceden... ademais de decatarse de que o seu traballo é marabilloso e de que os seus coñecementos non están por debaixo de ningunhes outros.

Creo que, con todo o que acabo de escribir, @s humanistas, se dan xa por satisfeitos, porque acaban de descubrir que penso máis (ou mellor, ou diferente), que escribo máis (ou mellor, ou diferente) e que, desde logo a miña paixón humanística se ve moi favorecida polas miñas actuais circunstancias: non existe intercambio "económico", investigo e creo, dentro das miñas capacidades e posibidades, libre en campos novos, sen agardar outro beneficio que o de saber máis e participar do mundo real (ese que Martín dicía, fóra do respetuoso debate umbilical do coñecemento etéreo).

De entre tódalas cuestións plantexadas nestes últimos días teño que agradecer dúas en especial: a de Eva, exposta nesta mesma bitácora, e a Sergio, disparada "a traición" no departamento. Hai pouca xente que me deixe sen palabras, ou que me plantexe preguntas que non me respostara xa estructuradamente nos meus autodiálogos. Ás veces teño que ir buscar quen me deixe sen voz (léase química conversativa agrícola), pero vos viñestes a min no lugar preciso e o momento axeitado. Gracias.

6/2/08

páxina orgánica

Estaba debatindo con Iván Mouronte sobre politización da arte e dereitos de autor na súa bitácora (imouronte), como consecuencia de terlle pedido unha ilustración dun puño para unha futura entrada. Nos comentarios atopei unha páxina que se chama docencia compartida, e nela outra (as miñas buscas caleidoscópicas son marabillosamente sorprendentes). Esta última páxina convirte as dirección url en plantas.
Esta é a planta de Congostras:
Nin que dicir ten que me puxen a mirar as "plantas" que xermolaban das miñas páxinas favoritas (as cales, por certo, vos lembro que están á vosa dereita en VENCELLAD@S).
As que máis me gustaron foron as de Unión Libre (que ten un bichiño voando e todo):
...e tamén as de Eva

...e Pablo que, curiosamente teñen un asombroso parecido:
Se queredes saber qué planta agroma da vosa páxina, visitai: Organic HTML

31/1/08

voar e bailar

foto: Jairo G. Novo
Este é un vencelliño que nos atopamos o Jairo e eu na Ponte da Estación.
Os vencellos conseguen voar distancias moi longas,
pero se se pousan no chan logo non dan alzado o voo de novo.
Este aprendeu a voar desde o chan en Santa Comba,
en contra do que a súa natureza dictaminaba.
O que non sabemos e se se volveu pousar algunha vez e,
se o fixo, se volveu ascender ou se lle esquenceu o que aprendera
...ou se se quedou bailando no chan


FZR

Non sendo que che guste berrar, non é moita a conversa que podes ter nunha moto en marcha. En troques, pasas o tempo percibindo cousas e meditando sobre elas. Nas vistas e os sons, no estado do tempo e cousas que lembras, na máquina ou a paraxe na que te atopas, pensando relaxada e prolongadamente sen que te apuren, sen sentir que estás a perde-lo tempo.

Robert M. Pirsig no Zen y el Arte del Mantenimiento de la Motocicleta.

O 95 fora un ano deses de replantexarse a vida, de asumi-los cambios traumáticos e sacarlles partido. Xa me decatara de que as carreiras quedaban cada vez máis lonxe e o meu subconsciente estaba a mutar. Esquecín os cronómetros e as trazadas. De súpeto, descubrín no outono que trocara o martirio por unha alegría inmensa e contaxiosa. Foi o ano das conversas de viño e castañas tras da cociña, da creación do peto das esencias sen esquecemento para converter en familia a un par de pilotos que fóra das carreiras quedaban no limbo e merecían afectivamente a pena, do concepto de “mestre” que Darío e Tonio (o meu primeiro e insuperable alumno) me ensinaron, de Gonzalo, do primeiro poema… e dos quilómetros de xeadas e raiolas de sol na FZR.

Este luns fun con Álvaro de ruta. Volvín senti-las horas como minutos, volvín disfrutar das cores e os olores, inocente e sen preocupacións, desenrugando as marcas que o tempo mancou no corpo e no espírito, sentindo, soñando e pensando libre como no 95. Non precisaba engana-lo cerebro co locus amoenus de Cardedeu, nin fuxir, nin madurar, nin asumir. Coa caixa torácica aberta para a autopsia das sensacións inmediatas.

Deume tempo a botar de menos ó Javi, e tamén ó Carlos e ó Manel, claro. Pero sobre todo ó Javi e a FZR e aquela conexión muda para decidir entregarnos sen medo a unha curva, ou reducir case a cero e respirar unha paisaxe. E os cafés de xeonllos tremendo. E a xeada branca á beira da estrada.

Durante anos pensei que non daría atopado nunca un compañeiro de viaxe á súa altura. Un compañeiro de silencios cómodos e sorrisos abertos, simplemente. Así que lle teño que agradecerlle a Álvaro que me achegase de novo esa sensación de moto (pregúntome se para a moto teño tamén unha expresión particular, como aquela que identificou Rosa cando me dixo “tes cara de Charly”).

O outro día, cando paramos para dar a volta e que non nos collesen moi lonxe a noite e o frío, lembro que me custou erguer a cabeza e contemplar a paisaxe. Agora, vexo naquel impedimento iñoto unha metáfora das mentiras responsables ás que me aferro para non ver máis alá das obrigas que me corresponden. Se levanto a vista ás montañas igual me atopo cos meus desexos máis fondos… e igual ofendo tanto darredor que me ofendo a min mesma. Supoño que será mellor pousa-los ollos en territorio controlado.

Estaredes pensando que me é impropio este arrebato de conformismo, e máis aínda cando estou a falar de experiencias liberadoras. Pero eu vexo esto con máis pinta de análise que de conformidade, como unha reestructuración da carta de dereitos e deberes que non fai máis que darme ritmo para bailar subida ó muro fronteirizo entre as obrigas e os anceios. E bailar évos ben mellor que facer equilibrios!

10/10/07

Indicado, Preciso e doña Constatación fundan o C.N.O.


Mirta pediume que lle buscara á sogra en Mallorca… son os bucles do destino. Tócame facelo, como a cadea de favores, como agradecemento ás voltas da vida, xa só falta que sexa parente de Toni! Agora podo dicir que o Indicado e o Preciso sempre acaban por chegar. O Lugar Indicado no Momento Preciso.

Non llo preguntei, pero seguro que Gonzalo non lembra o día que chegou cantando á clase “quieres helado de fresa o prefieres que te pida ya el café”. Pero eu si. Daquela eu xa era consciente de que os días estaban contados… e aínda non sabía que habería cafés despois durante anos. Cafés da química conversativa agrícola. Así que cada vez que entraba na aula, para min era unha hora menos, e degustaba cada frase como aquela mazá asada de Fifí no Calma Chicha, lenta e atenta, con aquela posición de parrilla de saída e bandeira a punto que tiña no insti (porque non chegaba cos pés ó chan), que só me faltaba o casco e o puño do acelerador.

O caso é que o outro día non puiden disfrutar do concerto todo o que me tería gustado, por motivos que non veñen a conto (supoño que a consciencia de que xa son “las cuatro y diez” e que non o dou asumido tivo algo que ver) pero viñeron Indicado e Preciso a dicirme que alí estaban para o que quixera. Levo ben tempo sen rezar. E decateime de que estaba rezando todo o tempo en certo modo, en canto o vin a uns poucos metros. E introducín unha nova conta no meu rosario ateo:

P.: Agora que está aquí

R.: Las cuatro y diez

Eu non o quería molestar naquel espacio “aut-ista”, pero Indicado e Preciso, collérono polas orellas e achegárono a min segundos antes da canción desexada. De súpeto púxenme tesa como un garabullo recitando entre dentes a letra (cada un ten o seu himno), botándoa fóra para que non me ardera dentro (que xa se sabe que cando os ollos ventan lume no estómago, fan saltar a extinción automática por aspersión… e eso queda moi mal en público). Pensei en agarralo polo ombro e facer un vaivén acompasado deses de farra, pero non tiña eu farra dentro precisamente. Así que seguín co meu recital silencioso botando contas do mal que se me da esto da madurez, e de que agora que quitei as ferraxes dos dentes me decato do pouco que amoso xa o sorriso (Jana, sinto que esta entrada non sexa optimista, pero estatisticamente é unha excepción), e de que cada un ten o seu tempo, e imaxinándome a Indicado e Preciso tomándolle o pelo á señora doña Constatación de la Realidad (porque Indicado e Preciso son unhes cachondos, e doña Constatación está algo senil e non ten ganas de leria).

O caso é que Aute dixera que a lúa lle mostrara excepcionalmente a súa cara oculta ó Giraluna por tres motivos:

1, porque tivera fe

2, porque fora constante

3, porque non perdera a ilusión


Así que… que carallo! aínda hai quen pensa que se pode seguir sendo e sobrevivir entre os lobos desilusionados e desilusionantes ó mesmo tempo. Xa estou farta de pseudoresponsabilidades tristes e de caras largas e de que os lobos traten de arrastrarme ás súas autocompasións e autoxustificacións da inercia, e da sensación permanente de que son “las cuatro y diez”. Propoño un C.N.O. (ó estilo do Centro Neurálxico de Operacións de Tito Puig) en contra de nada e a favor dos seres ilusionantes que andan sen Norte no medio dos lobos. Alguén se apunta?

3/10/07

Non ós gardarraíles



Dado o pouco tempo que teño estes días, aí vos vai, en espera da entrada sobre o grupo do Museo, o relato (íntegro) que escribín para o espectáculo. Ás/ós que non o coñecedes, espero que vos guste a miña incursión na prosa literaria:


A Macheteira

Señor xuíz, eu sei quen é o Macheteiro dos gardarraíles. Xa hai anos que o sei, pero a comprensión que sinto por esta muller (si, si, señor xuíz, é unha muller) e os motivos que a levaron a iniciar esta loita solitaria contra as coitelas da estrada, fixéronme ficar calada todo este tempo. Se quere pode implicarme como encubridora, e sen arrepentimento: se esta muller non estivera ó borde da morte, eu habería encubrila o resto dos meus días… ó fin e ó cabo, salva moitas vidas que a administración á que vostede pertence pon en perigo cos seus gardarraíles baratos e asasinos (non, señor, desculpe, non pretendo faltarlle ó respecto, non volverá pasar, perdoe).

O meu oficio real é o de pintora, pero por asegurarme o pan, aceptei este traballo en San Cibrao, coidando dunha velliña por encargo da familia dela. Supostamente, a familia encargárame vivir na súa casa porque ela non podía valerse por sí, e que así estaban máis tranquilos …tranquilos, sí, porque non viñeron a vela máis que catro veces contadas en cinco anos (si, señor xuíz, desculpe, non se ofenda pola miña retranca, intentarei ser máis obxectiva). Díxéranme que non falaba moito desde que lle morrera o home nun accidente de tráfico. (Efectivamente, señor xuíz, era Luís Pericot, o arqueólogo adscrito ó Museo do Mar) Tamén era historiador. E músico. Tocaba o piano coas mans de San Francisco, dicía ela. As mans do San Francisco aquel de madeira das escaleiras do Museo de Lugo (Coñéceo vostede, señor xuíz?) Ela dicía que eran as mesmiñas mans do San Francisco. As mans. (Si, señor xuíz, ela conducía).

(Non señor, ó principio eu non sabía por qué non a internaban nun xeriátrico) Pero logo decateime. Andaba arrastrando os pés detrás daquelas dúas caiadas, e tiña a cara enrugada como unha pataca vella. Pero non era vella. Ó pouco de ir vivir eu alí, vina núa saído do cuarto de baño. Ela quedou rexa, como se a sorprendera nun grande secreto. E saía sen caiadas e máis ergueita. (Si, señor xuíz, eu calculo que non tería moito máis de corenta anos). Eu fixen coma se nada. Tomei o té que ela me preparaba con cariño tódalas noites desde o primeiro día, eu… coma se non pasara nada. (si, señor xuíz, estaba impedida e non tocaba a cociña, pero facíame aquel té tan saboroso, porque dicía que daba un sono de anxos… e abofé que era verdade, porque nunca tan seguido nin tan ben durmín na miña vida como na súa casa). E non volvín pensar naquelo ata uns meses despois, por culpa dunhes mexillóns en mal estado.

Non entendín nada cando espertei aquela noite. Sentáranme mal os mexillóns e vomitara, con perdón, a cea e máis o té, antes de ir á cama. (Non señor, non lle dixen nada para non preocupala). Quedei durmida, pero espabiloume o ruído dun motor no garaxe, pensei que viñeran rouba-la moto aquela vella que había alí tapada. E vin pola fiestra alguén enfundado nun mono cunha macheta ás costas. (Si, señor xuíz, coincido coa descripción da policía, todo branco, casco, mono, botas, guantes…, ata a macheta). Baixei ó garaxe e vin as caiadas pousadas nunha cadeira, e a roupa de durmir dela.

(Si, señor xuíz, eu oíra falar do Macheteiro, sabía que esnaquizaba gardarraíles por Galicia adiante, dicían que era un moteiro tolo, e que nas revistas de motos o chamaban o Súperheroe, pero pouco máis, non se me ocorreu que puidera ser ela). Non lle dixen nada daquelo, pero decidín vixiala, ó fin e o cabo, pagábanme para ser responsable dela. (Non, señor, non dei conta á familia, non me parecía que tivera que darlles conta, crin que era unha excentricidade dunha muller tola pola morte do seu home). Decateime de que o té me durmía de máis, bebíallo e logo botábao sen que me vira (non, señor, non, bastábame con pensar nos mexillóns aqueles e xa ía todo fóra). Non saía tódalas noites, e agardei case un mes pola seguinte escapada. Sentina bicar algo sonoramente e pechar un caixón, baixou engorde, pero non en silencio, confiada nos efectos que me facía o bebedizo. En canto marchou na moto, entrei no seu cuarto. No primeiro caixón da mesiña non tiña máis que unha fotografía do San Francisco do Museo e outra dun cadro. Era unha pintura escura, dunha familia esfameada, mirando fixos e cabilantes, tristes cos ollos iguais, profundos, escuros. Agora creo recordar que algo me dixera daquel cadro e do home, que o coñecera fronte del ou algo así, non sei, foi hai tempo. E logo deume algo de medo. Había outras fotos que non eran máis que primeiros planos das anteriores, mans, ollos. Aínda así eu seguín buscando, e no caixón do fondo había unha carpeta sobada e desordeada, e entendín todo. (Si señor xuíz, xa me explico, se me permite voulle ler o recorte no que se vía a imaxe dun home de mirada profunda e escura…)

(é do 14 de Abril do 2002)

Tráxica morte do eminente arqueólogo Luís Pericot

O arqueólogo e historiador faleceu onte nun accidente de tráfico ó esvarar a motocicleta na que viaxaba.

Segundo testigos do sinistro, ó esvarar a motocicleta na curva de saída da autovía A6 á estrada da Fonsagrada, os dous ocupantes do vehículo saíron despedidos hacia a zona axardinada que rodea a saída. A conductora da motocicleta, R. S. T., de 20 anos de idade, saíu ilesa, mentres que o ilustre arqueólogo Luís Pericot García morreu ós poucos minutos, víctima das feridas.

O inspector Coira, encargado de levantar atestado do accidente, declarou ós medios: “aínda non temos claro que a causa do sinistro fose a mancha oleaxinosa detectada no tramo inicial da curva”

Ó preguntarlle pola mans amputadas do defunto, o inspector aclarou: “non podemos afirmar que a morte do suxeito fose consecuencia da amputación de ámbalas dúas mans, hai probas evidentes de que éstas foron seccionadas, pero non descartamos novas hipóteses, a investigación segue aberta”.

Minutos antes do peche da presente edición, na redacción foi recibido un fax dirixido a tódolos medios no que informa do peche da investigación resolvendo que “o sinistro foi debido a fallos humanos e a morte do señor Fonsanta foi consecuencia da hemofilia que padecía”. Sabemos que a demanda contencioso-administrativa que a familia presentou contra o organismo público a cargo da instalación dos gardaraíles foi desestimada por carecer de fundamento.

Manifestacións pola morte de Luís Pericot

A asociación “No a los guardarraíles”, encabezada por Andrés Pérez Rubio realizou un inmediato chamamento á mobilización en todo o Estado. Téñense previstas concentracións nas principais cidades o vindeiro domingo, onde haberá recollida de firmas para a eliminación dos denominados “quitamedos”. En contestación ás declaracións do presidente da N.G. nunha importante emisora de radio o Ministro de Fomento declarou: non é o asunto primordial para o Goberno, acabamos de aprobar un novo plan prever para que os cidadáns merquen automóbiles máis seguros e así reducir a siniestralidade. De tódolos xeitos temos previsto atender as demandas da N.G. iniciando conversas, pese a ser un colectivo minoritario”.

(Que qué fixen eu? Pois mire, señor xuíz, empecei aquela mesma noite o cadro de San Francisco que aínda colga na entrada da súa casa)

30/8/07

Epifanía: "señor Puig, póngame un quilo de alas"




Estes últimos días cadraron co trono e a lúa chea. Ás veces penso que nos tomariamos a vida con máis tranquilidade se recoñeceramos a importancia da nosa compoñente animal e biolóxica en xeral. As vacas e os gatos ventan o trono e póñense tolos, as fabas plántanse no menguante para que medren fortalecidas e a lúa chea marca o tempo das sementes e as colleitas. Xa hai ben anos que me decatei da influencia do trono no meu ánimo e da lúa chea no ánimo d@s demais (aínda non teño probas de que a min me afecte a lúa, pero supoño que tamén). O caso é que un ou dous días antes do trono, ando ca testa chea de hiperconsciencia e transcendencias varias. E teño que recoñecer que, a pesares da irascibilidade insoportable que me gasto nas horas previas ós raios e á choiva, o tempo de trono éme moi creativo e ocorrente.


O caso é que o venres fun “ferra-los dentes”, é dicir, cambia-las gomas da ortodoncia e premerlle un pouco os aramios. Fíxoseme algo tarde e fun comprar á volta, no supermercado aberto máis preto, algo fresquiño e de feitura rápida para xantar.


Agora é o momento de falarvos de Zapata e as epifanías de Joyce. Segundo Zapata, o meu profe de Literatura Inglesa da Facultade, unha epifanía era algo así como un momento eléctrico intranscendente no que sucedía un recoñecemento dalgo transcendental, unha compresión a nivel emocional e intelectual dalgo profundo (estoume lembrando agora de Proust e a magdalena do Tempo Perdido, do olor no taxi ás flores do Tibidabo e do leite condensado na casa da Mayte… outro día escribireivos sobre eso). En definitiva, unha epifanía ven sendo a consciencia dalgo trascendental provocada por unha circunstancia superficial, como una peza insignificante que remata un crebacabezas de trinta mil pezas.


A tipa que estaba diante de min na cola pedía moitas cousas, así que me deu tempo a “pasarlles unha visual” ós tarros das especias, por ver se me faltaba algunha na despensa. Pero aínda me sobrou tempo para observar ó carniceiro. Era un home rudo, cos dedos coma cañotos, pero coa cara afinada polo tempo, cunhes ollos verdes inmensos, tremendamente expresivos, que dicían: “buen rollito si, pero confianzas, as xustas”. Esto das casualidades é a monda. Miroume e deume medo. Entonces decateime de a quén se parecía. E entendín que me dera medo. Non me temblaron as pernas, porque tiña constancia da imposibilidade de que o señor Puig fose afeccionado a desguazar polos nos seus ratos libres.


Se vos lembrades da palla mental onírica aquela que deu tantas voltas e vos facedes cargo da miña situación actual, debedes ser pacientes e comprender que o señor Puig vaia a ser protagonista de moitas das miñas entradas do blog nunhes meses.


O caso é que o pobre do carniceiro, que a saber cómo interpretou a miña mirada “acongojada” (por non dicir outra cousa), me provocou pánico de tabatexar cando lle pedira un quilo de ás de polo. E empecei a repetir mentalmente “un quilo de ás de polo, por favor; un quilo de ás de polo, por favor; un quilo de ás de polo, por favor…”. Pero, na capacidade esa que din que temos de pensar dúas cousas a un tempo, eu dicíalle: “señor Puig, póngame un quilo de alas” e pensei logo se sería mellor que me puxera moitas ou dúas ben grandes…

14/8/07

química conversativa

Xa hai días que, na miña procura de paraísos obsesivos de evasión, empecei a ler todo canto me falta de Eduardo Mendoza. Onte pola noite estaba dando conta do seu Savolta (o estudio de en qué personaxe real pode estar baseado Savolta déixoo para momentos mellores), e dei con esta marabillosa reflexión sobre as conversas:
“Tampoco nuestras charlas derivaban en apasionadas polémicas, (...) esas acaloradas discusiones que ahora, en el recuerdo, acrecientan su importancia y se convierten en el símbolo nostálgico de mi vida en Barcelona. Con Lepprince la conversación era pausada e intimista, un intercambio sedante y no una pugna constructiva. Lepprince escuchaba y entendía y yo apreciaba esa cualidad por encima de todo. El mismo Serramadriles, que habría podido ser mi compañero idóneo, era demasiado simple, demasiado vacío: un buen compañero de farras, pero un pésimo conversador.”
Como vedes, Mendoza establece os tipos básicos de conversa que existen: as conversas de “pugna constructiva”; os “intercambios sedantes”, agradables pero intranscedentes; e as farras. Eu engadiría tamén as conversas que nos poñen de mala hostia, pero eso podémolo deixar para outro día.
Realmente, Mendoza expón tres tipos de conversadores, pero eu penso que son tres tipos de conversa. Entendédeme. Se ben cada persoa ten unha tendencia natural a un dos tipos (eu ben sabedes que disfruto da pugna), botai contas e decatarédesvos de que vivimos todas e cada unha delas, e que, aínda que as atribuamos a persoas concretas, nós posuímos nalgún momento un dos tres estados conversativos de Mendoza. E aquí é donde entra a miña teoría da química conversativa.
Obviamente, unha relación interpersoal, tanto se se estrea como se é diaria, depende, xa o sabemos, da confluencia de experiencias pasadas, necesidades presentes e expectativas futuras... e nese mapa tridimensional irreproducible por efecto das ínfimas fraccións temporais ás que se somete, surxe unha conversa.

Non me vou parar nos efectos da lúa chea sobre as conversas, é claro que a lúa inflúe nas experiencias coma nas mareas ou na semente das fabas. Tampouco me vou parar nas conversas dun mal día ou un mal momento. Eso elevaría exponencialmente o número de casos e non nos traería máis que divagacións superficiais e, probablemente, lembranzas desagradables.
Vou falar da xente que nos fai ben na conversa, dentro dos tres tipos de casos, igual de importantes e trascendentes aínda que pensemos que non. Refírome a esa xente que buscamos, aínda que non teñamos unha relación habitual, para que nos provoque un determinado efecto a súa conversa. Vexamos.

No primeiro tipo, o das “pugnas constructivas”, está claro que son conversas que nos aportan moito. Ás veces buscamos a Fulano ou Mengano, para que nos provoque unha catarse coa súa conversa, ás veces discusión. É a química conversativa agrícola que temos con alguén, é dicir, a de sementar para recoller. Se botades contas, e pensades en persoas concretas, habédevos decatar de que soe ser xente á que non vemos a miúdo, incluso que non nos atopamos nunca se non é para falar, que nos “frapa” (golpea en argot de Normandie) no máis fondo e nos sacha dentro. Por eso tamén é habitual que non a queiramos ver moi a miúdo! É a xente que nos desmonta durante unha hora ou dúas o que logo nos leva días ou meses reconstruír. @s que coñecedes a Gonzalo sabedes o que quero dicir. Destas conversas sóese saír co ceño fruncido e cavilando, e ás veces provocan decisións trascendentes.

No segundo tipo, o das conversas sedantes, eu inclúo todos aqueles encontros que plantan unha semente nova que non se identifica ata que medra. As conversas sedantes son aquelas que parten dunha intranscedencia, dun encontro casual ou de dúas persoas que non se coñecen moi ben e, seguramente, tampouco teñen especial interese en coñecerse. Parten da química conversativa forestal, é dicir, sementan espontaneamente, ás veces nace unha herba que murcha co primeiro sol e ás veces un carballo que vive ata que algún gilipollas especulador nolo vén talar para construír unha urbanización con piscina. O caso é que estas conversas son lembradas toda a vida, alomenos por un dos suxeitos, aínda que se lle olvide o nome d@ interlocutor/a (vénseme á cabeza agora unha conversa de cas e gatos con Luís de Xustás ou a do budista de Barcelona). Destas conversas sáese cun sorriso de momentánea felicidade, e soémonos decatar da súa importancia moito máis tarde, incluso anos despois.

Por último están as convesas “de farra”, que cumplen unha función non menos importante. É a química conversativa da rebusca que temos con algunha xente coa que só queremos botarnos unhas risas ou botar un baile (espero que a Marcelino non lle importe verse aquí reflectido), pero que teñen extrema importancia en determinados momentos da nosa vida (dixo Deco: “a orxía, no seu termo amplo, ten unha finalidade relixiosa, de participación telúrica, de sensación de pertenza a unha colectividade, de liberación”). Hai conversas de farra e barra, que tamén nos perseguen ó longo da vida, tamén irreproducibles, tamén trascendentais. A rebusca era o xeito que tiña de comer patacas e castañas as xentes sen terra de Galicia, ou de gañar uns cartiños cos cagallóns e o dentón cando a economía deixaba de ser de subsistencia. A química conversativa da rebusca vai tras do alimento básico, dinse moitas cousas durante a festa, realidades e verdades que agardamos que o alcohol borre da mente d@ interlocutor, pero que precisamos liberar, como comer a diario. Destas conversas sáese con falta de equilibrio e cos oídos zumbando ó deitarse, zumbando (se a inxesta non foi excesiva) verdades e liberdades.

25/7/07

tempo de perder

une es penedeix sempre al cap dels anys, quan ja no tei remei, de les passions que no es viuen

Maria Mercè Roca, Temps de perdre

os homes veñen no outono
o outono é noble como os homes que trae
inanna busca homes gato con ás
e aparécenlle paxaros
no outono


o ciclo é
e a casa morre en vegadas de xaula
todo murcha darredor e perde a cor
o home-gato síntese paxaro
os ollos baléiranselle no espacio sen area nin luz
e inanna recoñece o tempo de destecer
e venta soedades creadoras de medrar
e tamén venta calcetas de facerse e de facer


temps de perdre



Remedios Varo, Les feuilles mortes


Dicen que das derrotas se aprende. Como veredes, eu aínda non sei qué carallo aprendín, supoño que dentro dun tempo me darei conta, pero de momento creo que teño dereito (é o que me queda) a cagarme en todo e punto, e a lamentarme e pedir perdón, se cabe. Aí vos vai:

Avaricia

Escribín aquel poema antonte, inspirada pola pintura das Follas Mortas de Varo. E logo véuseme á cabeza o libro de Mercè Roca, e así o acabei e así lle dei título. E nada máis. Non tiña intención nin intuición de que este fose un tempo de perder. De feito aínda non o dei asumido.

Levaba tanto agardando as novas que xa me imaxinara en tódalas situacións posibles... menos a de “graduada con deshonor”. Sempre pasa. Imaxinas todo menos o que pasará realmente. A vida é así de bonita.

Dicíallelo ó Álvaro e ó Jairo onte. Estiano vivín cousas que me fixeron reflexionar sobre as miñas ilusións infantís. Eses soños que quedan para sempre e que reaparecen de cando en vez á fin (ou ó principio) dos ciclos vitais inevitables.

Sei que moit@s de vós vos estaredes preguntando qué me pasou, cómo tiven tan mal resultado, porque sabedes do meu aillamento case hermitaño, dos meus madrugóns, dos esforzos varios ós que me sometín e ós que sometín a tod@s cant@s me rodeaban, coñecedes os sacrificios destes dous anos e tamén as poucas escapadas que fixen á miña estancia no comer-traballar-dormir-estudiar, e cánto as disfrutaba. Pero esquencedes unha cousa, unha particularidade dos últimos tempos, impropia de min, e que eu penso que é causa de que esto non saíra ben: a avaricia… e rompeu o saco.

Supoño que esta característica (espero que momentánea) non é máis que unha consecuencia evolutiva doutra que si me é propia e que recoñeceredes en canto a mente: o orgullo [Machiño! esto parece, un acto de contricción de confesionario e estola]. Efectivamente, a miña puta manía de non querer axuda de ninguén, de non recoñecer os erros a tempo, de non asimilar as miñas limitacións, de non saber parar. O meu orgullo ferinte.

Mira Luís, nunca vou esquencer a bronca que me botaches aquela noite, nunca cha vou agredecer dabondo… e nunca me vou arrepentir o suficiente de non terche feito caso. Agora comprendo a agresividade coa que tratabas de impoñerme a túa postura. Tiven que ter parado antes. Moito antes. Parar e pecharme. Pecharme con bata e zapatillas, para non estar agora con bata e zapatillas lamentándome.

Sacrifiquei a familia, @s amig@s, a literatura e as motos. Durante dous anos apenas lin unha presa de libros que non cheiraran a gasolina (de coche, claro). Estaba tan cansa que ata me durmín nunha carreira de Pedrosa gañando. Non fun ó xantar de estreo da Casa Vella. Fixen dous recitais de lectura e atril, dos que tanto odiabamos en Celtia, nun infructuoso intento de sentirme lupe bao “a roxa” por unhes intres. Moit@s de vós vivides aquí ó lado e só sabedes de min por teléfono ou pola rede, ou porque algunha vez me viñestes ver á casa para rescatarme nunha cervexa de posta ó día.

Sacrifiquei moitas cousas, é verdade. Por non dicir que sacrifiquei todo o importante. Pero hai algo que non sacrifiquei: a carteira.

Gustábame moito o meu traballo do último ano. Só sei dar clase. Dádeme un tema e unhas horas para preparalo. Cría e cultivo do xampiñón? Vale, téñoo listo para mañá. En Aprevar ulía a motor por todas partes, e a evolución, e a revolución incluso. Cando non daba clase, pensaba e escribía. Podía ter a idea máis revolucionaria do mundo, sempre era ben recibida. E ás veces fun ó aeródromo co meu xefe e ensinoume cousas, da mecánica e da vida… e da mecánica da vida. Volvía á casa ás tantas da noite, espabilada como un rato e cun pico de sabiduría no peto.

E, por primeira vez na miña existencia, tiña un traballo estable… a miña primeira nómina ó borde dos trinta! Comprenderedes que Aprevar era case unha droga. Era unha droga. E aí está a avaricia. A avaricia de ter independencia ecónomica, si, pero non só eso. A avaricia de sentirme na elite. O privilexio de pensar e actuar libremente. Págaronvos algunha vez por pensar? E por soñar? A min si. A avaricia que rompeu o saco.

Todo o mundo cría, incluso eu, que o meu traballo era ideal para aprobar estas opos. Pero eu perdíame nas ilusións e no día a día. Esquencín os obxectivos. Perdínme nos medios como só eu o sei facer, como unha árbore que murcha as raíces de tanto alimentar de savia catro follas. E pasou o tempo. E no tempo de recoller, botei a vista abaixo e vin a terra herma. E foi o tempo de apurar, de sementar catro herbas mornas para roer nos brotes e non morrer de inanición. O tempo de perder.

Agora boto a vista atrás e vexo que non fixen ben a ninguén, e que a min me fixen mal, e que seguramente lle fixen mal a alguén tamén, coa miña ausencia… ou coa miña presencia.

16/7/07

leitugas

Antes de nada vou pedir desculpas a Luís: primeiro por non terche feito caso antes, tiñas razón, se fallo poderás botarmo en cara; segundo por mandarche unha circular, sei que non che gustan; terceiro (por redondear, porque por isto non penso pedir desculpas nunca) por non empregar a neolingua, ou como vós o chamades “normativa de consenso” (¡manda carallo!).

Agora xa podo empezar.

O caso é que estou aquí sentada no coche porque a biblioteca (B.U. en Roazhom) está ata as orellas, cheira ás sudes que bota para atrás e lévame máis tempo instalarme do que me quedaría para estudiar.

Estou cansa e desencantada… e animada e ilusionada. Non o entendedes. Xa. Vou tentar explicárvolo, aínda que quizais sexa eu quen non o entende. ¡Ui, Abel, esta palla mental non vai ser das coñeras! O caso é que me despedín fai dous días do traballo. Agora mesmo estou botando contas d@s que estades dacordo. Bueno, quen se sinta en minoría, que me pida explicacións. O venres pasado convocouse na nosa casa un gabinete de crise. A decisión foi de tres votos a favor, un deles por delegación, e unha abstención. A maiores foran xa moitas as voces que se posicionaran antes. De feito a/os indecisa/os teríanse decantado a favor de teren escoitado os meus argumentos.

Lembrádesvos de cando deixei a BMW (traballar-comer-traballar-durmir)? Hai bichos máis creativos. Pero coas opos enriba non había escusa pecuniaria nin remordementos que valeran. Tres ou catro horas ó día non son suficientes cando vas en serio. Podería ter renunciado a formar parte do funcionariado e conformarme cun traballo ás veces gratificante para ó espírito e ás veces gratificante para o peto. E facer unha terapia psiquiátrica para non pensar, para erradicar as ideas que me rebumbian na cabeza cando baixo a garda e penso. Pero, aínda que mo plantexei seriamente, creo que non hai ningún xeito de formatearme o cerebro para reducir as miñas necesidades a durmir e comer. Gustábame este traballo. Era o máis parecido ó pracer laboral que podía ter sen opos. Espero non estar sendo demasiado ambiciosa. Quero durmir e comer pero tamén pensar. E adicarme a tarefas improductivas como escribir impublicables, ou ir ó teatro, ou tirar tabiques, ou coleccionar información sobre JJCobas, ou plantar unhas leitugas…

¿Sabedes o que é a felicidade? A felicidade é plantar unhas leitugas. E ir tódolos días a mirar como medran. E regalas. E logo comelas. Ou regalalas. Regalalas aínda é mellor. Facer algo e regalalo. Si, iso debe ser unha felicidade completa. Por iso cando imos a visitar a uns parentes, sempre nos regalan unhas leitugas. Ou unha botella de augardente. Ou unhas castañas. Por iso os orientais din que hai que plantar unha árbore. Pero a xente esquece que hai que ir mirar como medra. Por iso non senten ningunha satisfacción máis que a momentánea. Porque non entenderon o meollo da cuestión. Outro día contareivos unha conversa que tiven con Abel sobre os peidos na cama. Plantar unhas leitugas e rirte co compañeiro cando botas un peido na cama. Curra, perdona, pero es lo que hai. Iso é a felicidade. E por iso a xente é tan infeliz. E por iso teñen ese aire plácido e tranquilo e esa mirada dóce os cultivadores de bonsáis. Ás veces penso “ese/a ten cara de cultivar bonsáis”.


Buf… xa pasaron unhes días desde que empecei a escribir esto, estou xusto no medio das opos, quédanme catro exames aínda. Creo que non é casualidade que aquel día no coche empezara a escribir para contarvos por qué deixei o choio… e acabara falando das leitugas. Elena: ¿recuerdas aquello de “cuando deseas realmente una cosa todo el universo conspira para que puedas conseguirlo”? A cuestión é que neste preciso instante pregúntome ¿para que carallo está conspirando o universo? ¿Para que me poña a plantar leitugas? Creo que non vai por aí o asunto… supoño que será algo máis profundo. Pero nestes días viñéronseme á cabeza traslumbres de circunstancias varias. Como un día, de pequena (pequena de idade) que me deu por facer unha horta debaixo dos pinos que aínda había darredor da aira de meus avuelos… e me cagou un paxaro no lombo. Ou os cuscús con petalones que fixera co Fabri (¡era un prato fino!). Ou cando tiven a depre do 94 e plantei un guisante na ventá do meu cuarto. Ou cando quería ter bonsáis, xa de ben grandiña (logo entereime de que Felipe González tiña unha colección, e fóronseme as ganas, pero miña Avuela xa me tiña feito un de mirto, que aínda existe). Ou cando lle contei a Cerviño en Pedrafita o meu futurible de vivir no monte e me dixo “¿y qué vas a comer, lechuguitas?”. Ou cando merquei aqueles rosais ananos no mercado de Roazhom. Ou aquela excursión de faro en faro, vós mirando a paisaxe mariña e eu recoñecendo o nome das herbas, igual que nos paseos con miña Avuela, mirando para o chan. Ou aquelo, cando volvín da Bretaña, de ir ó Courel estudia-la recolleita das herbas.

Estou pensando en que levo toda a vida sementando. Pero nunca vin medrar nada porque cando daban nado ou dado froito… eu xa estaba sementando outra cousa. Moit@s estades asentindo nestes momentos ¿a que si?.

¿Sabedes quen é Jamie Oliver? Unha vez vímolo o Jairo e eu na tele. Vimos un tío facendo de comer nunha cociña toda estrada coas verzas que collía da súa propia horta. Cociñaba como as avoas, sen a parafernalia dos chefs eses, nin deconstrucción nin chistes verdes nin pollas. A monte. Gustoume. Outra vez púxose a asar cousas alí, no medio da horta, e a comelas. Gustoume. Cociña caoticamente, coma min, será por eso. Outra vez vino no medio dunha praza italiana rodeado de “mammas” tetudas que levaron as súas propias potas e os seus ingredientes. Un cachondo mental. Agora ten unha serie nun piso pequeno de ¿Londres? e invita ós colegas a comer o que cociña. Pero xa non me gusta tanto como a cociña aquela da horta. Un día foise cun italiano a buscar herbas pola cidade. E vai ós ultramarinos e ás prazas de abastos a busca-la comida, mete todo debaixo do asento da moto e ¡ala! ¿Dixen xa que me gustou? Un tipo curioso, como diría Eva. Agora di a cantos grados quenta o forno, supoño que lle obrigarían na tele, que xa era moito desmadre tanto cociñar ó chou e meter os dedos na comida e ir chupando para ver se está ben de sal. ¡A verdade é que é coma un cocho na maseira! Agora sei que foi o que obrigou a Tony Blair a meter cociña mediterránea nos comedores das escolas e que está montando unha cruzada antifast-food polo mundo adiante. Supoño que en McDonalds é persoa non grata (síntoo, Bea Trigo, creo que non che vai caer ben).

O asunto é que cada vez que o vexo, éntrame o quente da cociña improvisada (e o Jairo cágase en todo por que é o que recolle). En canto me recupere hei retomar as ceas “chez nous” (o equivalente lucense ós xantares de sidra na cuisine de Normandie), a verdade é que me faltan, non sabedes ata qué punto.

Estiven pensando en plantar herbas no Leiro Redondo, aquela terra sen abono dos cimos ecolóxicos e as viñas de meu pai. É un esquino xeitoso e abrigado, e ó xabalí non lle interesa o xenxibre nin o manrrubio, e está cheo de maciras, e hai sabugos e unha cerdeira deitada sobre unha parede de pedra. Si, plantarei herbas alí. Decidido. Acábolle de pedir ó Jairo que me faga un cobertizo para ler.